O Mar de Vigo acolle a retransmisión sobre as cantigas do Pergamiño Vindel

  • Alumnado galego e portugués realizou este xoves 16 de novembro, Día Mundial do Patrimonio, dúas horas de “radiovisual“ ( termo acuñado por Ponte nas ondas! para denominar as emisión de radio e vídeo ) con motivo da presenza do Pergamiño Vindel en Vigo.
  • A emisión foi realizada a través do portal Web www.escolasnasondas.com e da Web www.pontenasondas.org mediante Facebook Live.

As 11.05 hs. da mañá, o son das ondas do mar de Vigo e a voz da brasileira Socorro Lira abrían unha programación que escolares de Galicia e de Portugal elaboraron para ser emitida desde o Museo do Mar de Galicia. O seu director, Vicente Caramés foi o primeiro convidado en ser abordado por Verónica e Beatriz. Caramés destacou que un grande número de centros educativos portugueses visitan habitualmente o museo e tamén que “a presenza do Vindel é unha mostra da cultura común entre Galicia e o Norte de Portugal“.

Os novos xograres do grupo Primordiais comezaban a interpretación en directo de “quantas sabedes amar amigo”, a letra de Martín Códax recreada á arpa por Luís Martínez e na voz de Marcelo do Bode.

E despois da música, a voz da profesora da Universidade de Vigo, Camiño Noia, respondeu ás preguntas sobre o papel das mulleres na Idade Media. A profesora manifestou que “o que nos transmitiron por escrito os trobadores e xograres xa estaba presente na lírica popular“

Outro traballo no que participou Camiño Noia foi o proxecto Cores do Atlántico que desenvolveu Ponte…nas ondas! en Galicia e no Norte de Portugal. A cantiga “Ondas do mar de Vigo” no concerto celebrado na Illa de San Simón emitiuse nas voces de Socorro Lira, Uxía, Joao Afonso, Margareth Menezes e Xoán Curiel.

O seguinte convidado, Cipriano Jiménez, do grupo Pertenza, detallou cales foron as negociacións coa Morgan Library de Nova York para que o pergamiño puidera vir a Vigo. Cipriano Jiménez afirmou que “a presenza do pergamiño Vindel en Vigo está tendo un gran impacto en toda Galicia“ e remarcou que “este momento histórico debe quedar reflectido en programas como este de Ponte…na ondas!“.

O recitado das cantigas de Martín Códax tamén tivo presenza nas voces de Raquel Beneyto e de Rafaela Matins, acompañadas polo son da arpa.

Tamén se emitiu un videoclip da versión que o músico músico brasileiro Chico Buarque coa cantiga nº 5 ( Quantas sabedes amar amigo ) para o ballet Sem Mim de Belo Horizonte en Minas Gerais ou a versión da cantiga 6 ( E no sagrado em Vigo ) do Ensemble RNH de Chequia.

O profesor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, foi entrevistado por Pedro e Tiago quen lle preguntaron polo proxecto de levar as cantigas de Martín Códax a 55 idiomas. Henrique Costas achegou a gravación en maorí das cantigas e tamén a versión no inglés de Alaska. Tamén destacou que “Martín Códax é o autor galego que ten a súa obra completa traducida a máis idiomas”.

A música de Primordiais puxo remate a dúas horas de retransmisión en directo desde o Mar de Vigo realizada por alumnado galego e portugués de Ponte…nas ondas!

AQUÍ O VÍDEO COMPLETO

 

Deixar un comentario

Por favor, introduza o seu comentario
Por favor, escriba o seu nome aquí